PONTEVEDRA> Na nosa contorna, a convocatoria máis madrugadora foi a do comité unitario de folga en Pontevedra. Ás 11 da mañá varios milleiros de persoas partían dende a Praza da Peregrina nunha manifestación para reivindicar cambios nas políticas de vivenda e melloras nas condicións de vida da cidadanía.
‘Vivir cústanos a vida’ foi o texto que se leu na pancarta que encabezou a primeira mobilización desta xornada de folga xeral en Pontevedra. Foi a convocada polo comité unitario de folga, no que se integran a Acampada da Alameda, os sindicatos UXT, Comisións Obreiras, CUT e CGT e organizacións como o Colectivo pola Vivenda ou o transfeminista Fulanas.
Varios milleiros de persoas participaron da multitudinaria marcha que percorreu o centro da cidade, con parada diante da Subdelegación do Goberno e final na rúa Alcalde Hevia, diante da delegación da Consellería de Vivenda na cidade.
Ao longo da marcha escoitáronse lemas como ‘Fóra rentistas dos nosos barrios’, ‘Os fondos inversores son os invasores’ou ‘Obreira, a rúa, esta loita é túa’. Cánticos todos eles cos que reforzar as demandas desta xornada de reivindicación.











