Cae unha rede de estafas na compravenda de vehículos de alta gama con ramificacións en Pontevedra

PONTEVEDRA> Pontevedra foi hoxe o escenario dun operativo contra o crime organizado. A actuación da Policía Nacional, en colaboración coa policía portuguesa, permitiu desartellar unha rede relacionada con estafas na compravenda de vehículos de alta gama. A operación desenvolveuse, ademais de en Pontevedra, nas localidades de Ourense, de Verín e en Portugal. Precisamente foi no país veciño onde se produciu o maior número de detencións, ata dezasete. En España foron tres, un deles na cidade pontevedresa.

A primeira hora desta mañá os axentes da Policía Nacional despregábanse en varios rexistros na cidade de Pontevedra. Un operativo no que contaron tamén coa colaboración da Policía Judiciaria de Portugal.

Unha das detencións realizouse nunha vivenda da rúa Mestre Soutullo, no barrio pontevedrés do Castañal. Axudados por cans da unidade canina e coa colaboración da Policía Local pontevedresa, os axentes rexistraron este piso durante varias horas.

Tamén se realizaron rexistros en talleres mecánicos. Un deles, Talleres Antonio Pintos, na avenida Montecelo. As instalacións foron precintadas e axentes españois e portugeses buscaron documentación no seu interior.

A actuación policial enmarcouse nun operativo contra o crime organizado, que estaría relacionado con estafas na compravenda de vehículos de alta gama. Segundo as pesquisas, a rede operaba tanto en España como en Portugal.

No país veciño, os detidos roubaban os vehículos ou os adquirían en réxime de renting. Despois mandábanos a España e, botando man de identidades e documentacións falsas vendíanos a terceiros en operacións aparentemente legais. Miñones fixo un chamamento á tranquilidade das persoas que mercaran vehículos nalgún dos talleres sinalados.