PONTEVEDRA> Un novo informe encargado pola Xunta de Galicia ratifica que os áridos afectados pola futura dragaxe do Lérez son de categoría A. Isto quere dicir, segundo a conselleira do Mar, que son da máxima calidade e que poden depositarse en alta mar. Marta Villaverde explica que este documento atende ao último requirimento realizado polo MITECO e reclama ao Ministerio lealdade institucional e a máxima celeridade para que a dragaxe poida levarse a cabo o vindeiro 2027.
Os áridos que se retiren no proceso de dragaxe do río Lérez poderán depositarse en alta mar. Así o confirma o informe encargado pola Xunta de Galicia, que apunta que estes sedimentos son de categoría A.
Segundo Villaverde, este informe vén confirmar o que xa dixeron outros catro realizados por Portos de Galicia en 2024, 2020, 2015 e 2009. E con el, aténdese a última demanda do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Este novo estudo analizou un total de 60 estacións, 45 superficiais e 15 profundas. Entre os parámetros examinados figuran metais como mercurio, arsénico, cadmio, cobre, cromo, níquel, chumbo e zinc. Tamén hidrocarburos, toxicidade e contaminación fecal. Aínda que nalgúns destes casos os parámetros encádranse na categoría B, non modifican a clasificación global.
A conselleira explicou que esta nova caracterización xa foi enviada á Dirección Xeral de Costas do Estado. A intención da Xunta é reducir os prazos para poder sacar a licitación as obras durante o 2027. De feito, Portos de Galicia manterá nos seus orzamentos a partida de 12 millóns de euros para esta actuación.
O Ministerio pedira outros tres informes sobre a dragaxe: a existencia de posibles especies exóticas invasoras, que a Xunta agarda ter rematado antes de finais de ano; o impacto da turbidez sobre as pradeiras de zostera, xa finalizado; e outro sobre a posible afectación á praia de Lourido, xa remitido á Dirección Xeral de Costas do Estado.











