Domínguez esixe ao goberno que execute as once mocións do PP aprobadas de xeito unánime polo pleno

PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra esixe ao goberno local que execute as once mocións presentadas polo PP que conseguiron o apoio unánime do pleno. Entre elas, figuran intervencións en barrios como Monteporreiro, San Roque ou A Parda. Rafa Domínguez apunta que a pesares de que o BNG votou a favor, estas actuacións non aparecen recollidas nos orzamentos municipais. Considera que os nacionalistas só o fan para contentar á veciñanza.

Actuacións nos barrios de San Roque, A Seca, A Parda, Ponte Muíños ou Monte Porreiro, os plans de mantemento das instalacións deportivas e de parques infantís ou a apertura dunha vivenda de acollida de mulleres maltratadas. Son algunhas das mocións presentadas polo Partido Popular que conseguiron o apoio unánime da corporación no pleno de Pontevedra pero que a día de hoxe non contan con partidas asignadas nos orzamentos para este 2024.

Tras coñecer os datos económicos do concello presentados onte, que apuntan a un superávit de 11,5 millóns de euros e unhas contas para este 2024 que xa superan os 116 millóns, Domínguez asegura que a falta de cartos non é un problema para asumir estas iniciativas.

Domínguez criticou tamén o nivel de execución do capítulo de investimentos do orzamento de 2023. O líder popular apuntou que só se acadou o 29%.