O concello de Pontevedra refórzase contratando un bufete de avogados na batalla xudicial contra ENCE

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra refórzase na súa batalla xudicial contra ENCE. O alcalde anunciou hoxe a contratación do bufete CCS Abogados, encabezado polo exministro de Xustiza con José Luis Rodríguez Zapatero Francisco Caamaño, para levar adiante a nova etapa. Uns servizos que terán un custo de 26.000 euros máis IVE.

O concello de Pontevedra refórzase para seguir adiante coa batalla xudicial aberta contra ENCE. Contarán cos servizos do bufete madrileño CCS Abogados. Un equipo de letrados liderados polo exministro de Xustiza de José Luis Rodríguez Zapatero Francisco Caamaño.
Segundo Fernández Lores, foi a propia asesoría xurídica do concello a que recomendou a contratación deste equipo. Encargaranse da nova etapa do proceso, que supón a presentación dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional e dun incidente de nulidade ante a sentenza do Tribunal Supremo.

O concello terá que pagar ao bufete 26.000 euros máis IVE polos seus servizos.

A decisión do goberno local tivo xa resposta dende a oposición. Para o Partido Popular, é inadmisible que se gaste esa contía das arcas públicas para, asegurou Rafa Domínguez, intentar rematar con centos de postos de traballo en Pontevedra. O voceiro e candidato popular convidou ao alcalde a facer ese gastos do seu propio peto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí