Pontevedra busca 3 millóns de euros nos fondos europeos para a reforma do Pavillón dos Deportes

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra buscará fondos europeos para reformar o Pavillón Municipal dos Deportes. A actuación centraríase en mellorar a eficiencia enerxética do edificio, construído no ano 1963 e obra do ilustre arquitecto Alejandro de la Sota. A intención do goberno local é que  a intervención sexa respectuosa co pavillón orixinal. O orzamento estimado chega case aos 3 millóns de euros.

O concello de Pontevedra prepara unha nova reforma do seu Pavillón Municipal dos Deportes.

O anteproxecto elaborado polo concello ten un orzamento próximo aos 3 millóns de euros. Instalaranse paneis solares no teito para apostar pola enerxía renovable. Tamén se solucionarán os importantes problemas de illamento do edficio.

Será a cuarta remodelación que se fai no pavillón dende a súa construción no 1963. O edificio foi premio Nacional de Arquitectura e está considerado unha das grandes obras do arquitecto Alejandro de la Sota. Por iso unha das premisas é respectar a súa esencia.

O concello optará con este proxecto a conseguir fondos europeos do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos, PIREP. Nun prazo aproximado de dous meses saberase se finalmente consegue esta achega europea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí