A protectora Moura denuncia un presunto caso de maltrato animal en Rianxo

RIANXO> As imaxes que están a ver falan por si soas. Nelas podemos ver o estado no que se atopan os dous cans, un deles ademais cunha delgadez estrema.

Moura decidiu denunciar a raíz dos avisos da propia veciñanza da zona e dun grupo de voluntariado, que fixeron saltar as alarmas este pasado domingo.

Dende a protectora lembran que a Lei de Benestar Animal de Galicia obriga os concellos a actuar de inmediato e retirar os animais de xeito cautelar. Algo que segundo eles nunca se fixo.

A día de hoxe a protectora segue á espera de confirmación oficial, e que os dous cans estean a salvo e recibindo a atención veterinaria que precisan.

Dende o Concello de Rianxo negan unha mala actuación neste asunto. Fontes municipais aseguraron a este medio que actuaron conforme á lei e que están á espera do informe que emitan os veterinarios, que esta mesma mañá recollían os cans para avaliar o seu estado físico e nutricional, e poder actuar posteriormente en consecuencia.