Cambados reabre a súa piscina con cámara térmica e o 75% da ocupación

CAMBADOS> As vilas van recuperando pouco a pouco a normalidade. Dende hoxe, a piscina de Cambados, do complexo deportivo do Pombal, ten abertas as súas portas. O centro pechou co gallo da pandemia, pero agora recupera a actividade incorporando, como non podía ser doutro xeito, extremando as medidas de desinfección para evitar contaxios.

A piscina cambadesa do complexo do Pombal adáptase tamén á nova normalidade. Hoxe reabriu as súas portas con colas e numerosas chamadas de persoas dispostas a retomar a actividade.

Faino, iso si, aplicando novas medidas para garantir a seguridade sanitaria. A capacidade está limitada a un 75%. Xa na porta atopamos dúas abertas: unha de entrada e outra de saída, con indicadores no chan que nos sinalan o camiño a seguir. Hidroxeles, máscara obrigatoria e incluso unha cámara térmica que nos toma a temperatura xa no primeiro mostrador.

As medidas continúan na sala de máquinas, nos vestiarios e na propia piscina. Aquí o principal é manter as distancias de seguridade e o uso da máscara. Tamén, polo de momento, instalacións como as do spa permanecen pechadas.

Tanto dende o concello como da empresa que xestiona as instalacións sinalan que durante o verán descenden os usuarios, polo que se trata dun bo momento para comezar a aplicar este tipo de medidas. Así as cousas, agardan un incremento de inscricións despois de que se anunciara o peche por obras da piscina de Vilagarcía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí