A POBRA> Iniciadas as obras de saneamento no lugar do Rego da Horta na parroquia pobrense de San Isidro. Ademais de dar servizo ó colexio de Cadreche e ó campo de fútbol, suporá o punto de partida para conectar o resto de núcleos da parroquia cun investimento superior ós 600 mil euros.
A empresa Fermín Simal vén de iniciar as obras de dotación de saneamento no Rego da Horta, na parroquia de San Isidro Posmarcos. Trátase dunha obra que acumula unha demora de cinco anos debido ós numerosos permisos que houbo que tramitar por afectar a estradas de diferente titularidade.
Ademais de dotar de saneamento ó colexio e ó campo de fútbol de Cadreche, a actuación supón o primeiro paso dun proxecto máis ambicioso que permitirá levar o servizo ós distintos núcleos da parroquia.
O importe total destas actuacións ascende a 630 mil euros.