BARBANZA> Hai unhas semanas entraba en funcionamento a nova concesión do transporte público en autobús na comarca do Barbanza.
Unha reestruturación profunda que supuxo a modificación de liñas, paradas e horarios nos concellos de Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo.
Lonxe de mellorar o servizo, os cambios están a provocar un fondo malestar entre os usuarios.
A supresión de paradas tradicionais e os novos horarios complican o día a día da veciñanza. Diante desta situación, os alcaldes de Barbanza-Arousa decidiron unir forzas.
A través dun escrito conxunto remitido á Dirección Xeral de Mobilidade esixen unha revisión urxente e pídelle tanto á Administración Autonómica como á propia empresa adxudicataria do servizo a busca de solucións.
O asunto xa se puxo sobre a mesa no último pleno da Mancomunidade celebrado esta mesma semana, aínda que será analizado máis en profundidade a vindeira, noutra reunión que terá precisamente este punto como tema central.
Dende Barbanza-Arousa insisten en que o transporte público por estrada resulta indispensable para manter vertebrado todo o territorio.











