VILAGARCIA> O Black Friday pon a proba un ano máis ao comercio local. En Vilagarcía, o colectivo de comerciantes Zona Aberta rexeita de novo sumarse a esta campaña. Apuntan que non poden competir coas grandes superficies, por moito que axusten as súas marxes. Así e todo, segundo indican dende a asociación, o Black Friday cada vez está a perder empuxe entre a clientela, en parte desvirtuado polas propias estratexias das grandes áreas.
O comercio de proximidade volve mirar de esguello un ano máis ao Black Friday. En Vilagarcía, por exemplo, a meirande parte dos establecementos asociados a Zona Aberta deixan pasar de longo esta xornada de descontos importada dos Estados Unidos. O colectivo de comerciantes desmárcase un ano máis desta proposta.
No colectivo, ademais, están a detectar como nos últimos anos esta campaña do Black Friday está perdendo forza. Cren que en boa medida polas propias estratexias das grandes áreas.
Dende Zona Aberta apuntan tamén que non participar neste tipo de campañas responde tamén ao seu xeito de tratar á clientela. Prefiren seguir mimando durante todo o ano ao seu público habitual, que captar compradores para unha soa xornada.
Desta volta o Black Friday coincide practicamente cos primeiros compases da campaña, porque o tempo de inverno aínda acaba de chegar.
Un tempo que xa acompaña e que nos leva xa cara a campaña de Nadal, unha das máis fortes para o comercio local vilagarcián. En Zona Aberta as expectativas son boas, tendo en conta -di Louzán- o colapso que viven outras cidades como Vigo ou Santiago, o que contribúe a que moitos elixan a capital arousá para facer as súas compras.










