A ILLA> Atendan ó que apareceu na illa de Arousa: nin máis nin menos que unha botella chegada dende Nova Jersey, nos Estados Unidos. Atopouna un veciño da vila mentres paseaba. No seu interior atopou, unha carta, un dólar e ata un boleto da lotaría norteamericana.
Ata esta praia da Illa de Arousa viaxou a botella dun tal David Kembel. Saíu de Nova Jersey o 5 de xullo de 2016 e o mar quixo que o seu destino fose a ría de Arousa. Atopárona, de casualidade, Isidro e un amigo, que acostuman a pasear pola zona.
No interior da botella viaxeira, Isidro e o seu amigo atoparon un curioso contido: un inconfundible billete dun dólar, un boleto da lotaría americana e unha carta manuscrita polo propio David.
Agora, Isidro e a súa familia van tentar descifrar esa nota. Na última das súas liñas intúese un correo electrónico: a chave que necesitan para poder dicirlle a David que a botella sobreviviu á forza do Atlántico e que, aínda por riba, chegou a bo porto.
O azar quixo que a botella chegase á Illa co boleto da lotaría en perfectas condicións. Así e todo, seica a fortuna quedou nos Estados Unidos.
Así que xa saben, busquen ben, porque nunca se sabe o que un ha atopar nas beiras da Illa de Arousa. Quen sabe quen pode se-lo seguinte en atopar unha botella viaxeira.