Actos vandálicos e roubos na Pobra do Caramiñal

    O Concello da Pobra do Caramiñal pretende rematar cos numerosos actos vandálicos e roubos que se están producindo nas últimas semanas na localidade.

    Na madrugada do domingo ó luns tiveron lugar destrozos e o roubo dunhas chaves no colexio Salustiano Rey Eiras, así como tamén a queima de sete contedores de lixo nas proximidades da ponte do río Pedras.

    O alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, amosou a súa preocupación ante os recentes actos vandálicos que se produciron esta pasada fin de semana na localidade, entre os que se atopa o roubo dunhas chaves e os destrozos ocasionados nunha fiestra e na porta do despacho de dirección do colexio Salustiano Rey Eiras.

    Dáse a circunstancia de que esta é a segunda ocasión en menos de quince días nas que este centro é obxecto dun roubo.

    Por esta razón anunciou que en breve se instalará neste colexio unha alarma co fin de que continúen a producirse estes feitos.

    Ademais tamén se produciu a queima de varios contedores de lixo nas proximidades da ponte do río Pedras.

    Maceiras Rivas quixo denunciar estes actos e comentou que o concello está a investiga-los sucesos co fin de dar co paradoiro dos autores dos mesmos.

    Nas últimas horas tamén mantivo xuntanzas coa Garda Civil e a Policía Local co fin de aumenta-la vixilancia.