Jesús Paz, novo presidente do Porto de Vilagarcía

    Xa é oficial. Jesús Paz, o voceiro do goberno municipal de Vilagarcía será o novo presidente do Porto de Vilagarcía. Aínda que había indicios de que puidera ser el quen ostentara este cargo, non se fixo público ata onte. Un anuncio realizado pola conselleira de política territorial, obras públicas e transportes, María José Caride.

    Con este nomeamento, acálanse as algunhas críticas vertidas contra o goberno de Pérez Touriño por non ter botado man dos socialistas da zona do Salnés no reparto de cargos. Paz, que non fará declaracións ata que a seu nomeamento sexa publicado no Boletín Oficial do Estado, ostentaba ata o de agora o cargo de xefe de departamento de Recursos Humanos e Xestión Comercial na Autoridade Portuaria de Vilagarcía. Un posto que compatibilizaba coa responsabilidade das áreas de facenda, urbanismo, formación e emprego e medio ambiente no Concello de Vilagarcía e que suporá unha redistribución das súas tarefas entre os membros do goberno municipal. No seu novo cargo Paz sustituirá o agora presidente en funcións do porto vilagarcián, Benito González Aller.