O PP Boiro denuncia estado de abandono da Alameda de Barraña

    O grupo municipal do Partido Popular de Boiro vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria que garda relación coa situación de abandono e deterioro que presenta a Alameda de Barraña. O novo voceiro do grupo municipal do Partido Popular de Boiro, Xoán Xosé Dieste, considera penosa a situación na que se atopa actualmente a Alameda de Barraña, proba diso, segundo el, é o estado das farolas desfasadas e rotas ou do mobiliario, con bancos e papeleiras nun estado ruinoso. Para Xoán Xosé Dieste esta situación vén a supoñer unha mala imaxe que desprestixia a zona de Barraña, existindo ademais un claro risco para a saúde tanto de persoas maiores coma rapaces que habitualmente empregan esta zona de esparcemento. Para o voceiro do PP de Boiro é totalmente incomprensible como unha zona tan importante turisticamente pode sufrir tanto abandono, sendo ademais unha dos lugares do concello máis visitado durante todo o ano, pola súa especial situación entre a praia de Barraña e o campo de fútbol. Ante esta situación e as queixas e demandas reiteradas dos veciños, o voceiros do PP boirés solicítalle ó executivo local que se replantee o estado actual da alameda, cun novo deseño máis atractivo e acorde cos novos tempos, que se renove todo o mobiliario existente, así como que se dote á zona dun maior axardinamento e se leve a cabo un mantemento máis frecuente do lugar para evitar unha imaxe xeral de abandono.