Sorpresa no tripartito polo cambio de voceiro no PP de Boiro

    Os membros do executivo tripartito de Boiro recibiron con certo asombro o cambio de portavoz no grupo municipal do Partido Popular. O alcalde de Boiro o nacionalista, Xosé Deira, foi o máis comedido dos tres representantes dos grupos políticos que conforman o executivo boirés na actualidade ó realizar unha valoración sobre o cambio que se vén de producir no grupo da oposición, o Partido Popular, que elixiu a Xoán Xosé Dieste coma novo voceiro en substitución de Manuel López Outeiral. Deira Triñanes non quixo afondar nas causas deste cambio, sinalando que se trata dunha decisión da comisión executiva e do grupo municipal do partido popular en Boiro polo que a respectaba e a asumía. O primeiro tenente de alcalde e voceiro do Partido Socialista en Boiro, Xoán Xesús Ares, amosouse sorprendido por esta decisión no seo do Partido Popular, máis aínda despois das declaracións realizadas por Manuel López Outeiral non hai moito tempo nas que sinalaba que se ía dedicar en exclusiva á política municipal. Aínda así Ares González indicou respecta-la decisión tomada polos populares, felicitando ó novo voceiro Xoán Xosé Dieste pola súa elección, agardando a que a vida política en Boiro se caracterice a partir de agora nesta etapa polo diálogo e as boas formas. Desta mesma opinión foi o representante de Iniciativa Cidadá, actual segundo tenente de alcalde, Manuel Velo, que sinalou sentirse extrañado por esta decisión que vén de tomar o grupo municipal do Partido Popular, chegando a sinalar que mesmo podería tratarse dunha estratexia política de cara as vindeiras eleccións municipais.