O Raygrass III faise coa XXXIV Regata Mar de Fisterra-VIII Trofeo Pitusa Sabín

PORTO DO SON> O Raygrass III do Club Marítimo Carrumeiro, foi o vencedor da 34 edición da Regata Mar de Fisterra-Oitavo Trofeo Pitusa Sabín, proba puntuable tamén para o trofeo Presidente Xunta de Galicia, o Campionato de España de Cruceiros e a Copa Galicia de Clubs. A cita velística tiña lugar esta pasada fin de semana en augas da ría de Muros-Noia.

O barco patroneado por Tom Núñez fíxose coa vitoria non só na xeral da súa clase Cruceiro/Regata, senón que tamén gañaba, de maneira contundente, a xeral con tres puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Mirfak, de Diego López, da Armada Española, vencedor final da clase regata.

En terceiro lugar na xeral quedou o Urbapaz, de Fran Edreira, do Club Náutico de Cabanas. Na modalidade Open, o trunfo foi para o Monte Ulía de Eduardo Arán do Real Club Náutico Portosín.

Rematada a competición, nas propias instalacións do Náutico sonsense, desenvolveuse o acto de entrega de premios ós gañadores de cada categoría. Un acto que contou coa presenza, ademais dos patrocinadores da proba, Jacinto Hernández e Pitusa Sabín, co alcalde, Luís Oujo, e o presidente do Club anfitrión, Jorge Arán, entre outras autoridades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí