Alerta en Boiro polos ataques de visóns

    A presenza dunha manada de visóns no lugar de Goiáns en Boiro está a causar unha fonda preocupación nos veciños, xa que están a atacar ós animais domésticos.

    Os veciños do núcleo de Goiáns, en Boiro, xa non saben que medidas adoptar para facer fronte ó ataque dos visóns, que dende hai máis dun mes, están arrasando cos seus currais. Polo momento, os afectados xa elevaron as súas queixas ata o concello e, na espera de solucións, afánanse no reforzamento dos peches das súas propiedades. O obxectivo é evita-la entrada destes mamíferos que arrasan con tódolos animais que atopan ó seu paso. Ata o de agora, as perdas contabilizadas son moi altas posto que xa mataron máis de vinte animais, entre eles galiñas, patos, ocas e coellos.

    A adopción de medidas para evita-los ataques é moi complicada debido ó pequeno tamaño dos visóns que lle permite colarse por buratos moi pequenos. Os veciños xa teñen colocado trampas e procederon ó selado dos ocos existentes nas paredes pero estas actuacións non son suficientes para frear os ataques.

    Actualmente, técnicos da Consellería de Medio Ambiente están a elaborar un informe sobre a situación rexistrada en Goiáns para cuantificar os danos e determinar se, efectivamente, os ataques son provocados por visóns ou por outro tipo de animais.