BOIRO> Os maiores de Boiro non están sós. O departamento de Servizos Sociais puxo en marcha un servizo de asistencia telefónica para aqueles veciños de idade avanzada que non vivan acompañados. O obxectivo é coñecer as necesidades de cada un e informarlles dos servizos municipais que teñen á súa disposición.
O illamento en soidade é máis difícil de levar. Máis para aqueles que, pola súa idade, pertencen a un grupo de risco o que limita as súas saídas para poder abastecerse. Co fin de acompañalos e cubrir as súas necesidades, o concello de Boiro vén de poñer en marcha un servizo de asistencia telefónica.
Os traballadores do departamento de Servizos Sociais chamarán periodicamente ós veciños para interesarse polo seu estado e saber se precisan axuda para facer a compra ou adquirir medicamentos.
Dende Servizos Sociais de Boiro lembran tamén a a existencia dun Servizo de Asistencia para persoas vulnerables co que se achegan produtos de primeira necesidade a través de Cáritas e Cruz Vermella.