A Concellería de Cultura de Ribeira presenta as actividades culturais de inverno

    O Concelleiro de Cultura de Ribeira, Luciano Fernández, presentou as actividades culturais programadas polo departamento que dirixe para este inverno.

    A danza, o teatro, a música e a arte experimental compoñen o programa de actividades estables promovidas polo departamento de Cultura do concello de Ribeira para este inverno. Como en anos anteriores, os nenos ribeireses poderán participar na escola de teatro dirixida por Chiqui Durán, desenvolvendo diversas técnicas de dramatización, expresión corporal ou xogos de voz por unha tasa anual de 102 euros. Repite tamén a escola de ballet baixo a dirección de Cristina Rivero, con diversas categorías en función da idade dos cativos, que supón un custe anual de 109 euros.

    A principal novidade esta constituída polo curso de plástica experimental impartido por Gerardo Crusat. Este obradoiro, que inclúe contidos relacionados coa invención gráfica, o arte da terra ou a experimentación plástica, pretendo conxugar arte e medio ambiente e terá lugar en diversos entornos naturais. O prezo da matrícula ascende a 85 euros. Así mesmo, os pequenos de entre catro e oito anos poderán participar nas escolas municipais de música que se desenvolverán no conservatorio municipal. O comezo de todas estas actividades está previsto para o día 20 de outubro.

    Os interesados en participar poderán solicitar información nas oficinas do auditorio e do conservatorio ou ben nos dípticos editados polo concello que se depositarán en centros escolares e diversos puntos de información. O prazo de matrícula permanecerá aberto dende o 3 ó 14 de outubro.

    Ademais o programa cultural do concello de Ribeira non remata aquí posto que mañá mesmo dará comezo a Mostra de teatro do concello. A obra encargada de inaugurar este ciclo é “Paso de Cebra”, a cargo da compañía Áncora Produccións que se representará mañá ás nove e media da noite no auditorio municipal. Esta comedia narra, en clave de humor, a aventura que supón cruzar un paso de cebra para os seis personaxes que quedan illados na plataforma dunha intersección urbana. Deste xeito, as bandas brancas convértense nos puntos suspensivos da vida cotiá dos protagonistas e a partir dunha situación aparentemente trivial dase paso a unha profunda reflexión sobre a incertidume da existencia que lembra a certos exemplares do teatro do absurdo.

    A mostra desenvolverase no concello durante os meses de outubro e novembro con obras como “Tartufo” de Teatro do Improvisto, “Mundos” de Talía Teatro ou “Non é tan fácil” de Grupo Dequenquén. A clausura terá lugar o día dous de decembro, da man do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira que ofrecerá unha adaptación do clásico de García Lorca “La Casa de Bernarda Alba”.