O BNG demanda melloras na contorna do peirao de Chouza

    BOIRO> O BNG de Boiro demanda a mellora dos accesos á praia de Barraña na zona de Rebordelo. Piden que se limpe a maleza e se acondicione o vello peirao posto que o actual estado de deterioro supón un risco para os usuarios da praia. Non é a única praia que presenta falta de limpeza e mantemento na súa contorna. Segundo os nacionalistas, o acondicionamento de varios areais é deficitario, aínda que consideran que os accesos a Barraña á altura de Rebordelo están entre os peores. Instan tamén ó executivo a demandar de Costas o arranxo do muelle de Chouza posto que presenta numerosas pedras soltas que supoñen un serio risco para os nenos que xogan na zona. Esta solicitude do BNG vense sumar a outras realizadas polos veciños que xa demandaron mellores tanto na praia de Area Basta, en Cespón, como nesta. Polo momento, xa conseguiron que se acometeran algunhas melloras como a retirada dun artefacto de poliéster que supoñía un risco medioambiental, así como un grave impacto paisaxístico.