O presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Xesús Asorey, xunto coa secretaria xeral da entidade, Filomena Casal, realizaron esta mañá unha visita ó Centro Empresarial da Construción do Barbanza en Ribeira para reunirse co novo presidente do ente comarcal, Xesús Lojo Alcalde.
O motivo da xuntanza, á que tamén asistiu o empresario Ramiro Carregal, representante do órgano cameral na comarca, non foi outro que realizar unha primeira toma de contacto coa nova directiva e traza-las liñas de proxectos comúns a desenvolver entre ambas entidades.
O presidente da Cámara de Comercio de Santiago explicou a importancia deste tipo de colaboración, que seguirán na mesma liña que durante o mandato da anterior directiva do centro da construción, presidida por Andrés Teira. Entre os principais proxectos está a potenciación da antena cameral situada en Boiro para consolidar o seu uso por parte dos empresarios ou a realización dunha serie de xornadas divulgativas sobre temas como a protección de datos, o medio ambiente ou a eliminación de residuos.
Pola súa banda, o novo dirixente do Centro Empresarial da Construción explicou a importancia da introdución do selo de calidade nas empresas e quixo reiterar o apoio prestado pola entidade para a realización un ano máis do salón de seguridade na construción “Preventiva”.
No transcurso da xuntanza, Xesús Lojo Alcalde realizou un balance moi positivo da súa andadura á fronte da presidencia do centro, no que leva pouco máis dun mes. Entre as diversas iniciativas que se están a desenvolver, destacan a colaboración con FEXDEGA ou o proxecto de construción dunha aula social no polígono de Xarás, nunha liña claramente continuista coa anterior directiva.