O alcalde de Vilagarcía, Javier Gago, entregou hoxe á oposición a proposta do equipo de goberno para actualizar as taxas e impostos. A todas se lles aplicará o IPC agás ó imposto do IBI, a recollida de lixo e as taxas de sumidoiros e de garaxes, que sufrirán un aumento maior.
O grupo de goberno de Vilagarcía propón subir o imposto de Bens Inmobles do 0,47 actual a un 0,52. Deste xeito, a repercusión sería de tres euros ó ano por cada seis mil euros de base liquidable. No caso da recollida do lixo, a tarifa subiría un dez por cento, pasando dos 86,40 anuais a 95.
A proposta do goberno local sube tamén a taxa de sumidoiros, que se situaría en 38 euros anuais, cunha repercusión de 5,10 euros máis ó ano. E na taxa pola entrada de carruaxes proponse unha tarifa de 30 euros ó ano, aumentando algo máis de oito euros. A intención do goberno municipal é levar esta actualización a pleno este mesmo mes. O alcalde convidou á oposición a aportar propostas alternativas.