Ribadumia aprobou por unanimidade auditar as contas dos últimos quince anos. Na sesión plenaria celebrada onte goberno e oposición acordaron aclarar a situación económica do Concello e os aspectos referidos ó polígono industrial.
Unánime foi o acordo tomado onte no pleno de Ribadumia. Ante a sorpresa, principalmente do BNG, goberno e oposición votaron a favor de auditar as contas do concello relativas ós últimos quince anos. A aceptación nace da moción interposta polo bloque nacionalista e que xa fora presentada en sesións anteriores de xeito reiterado e nunca admitida. Onte, pola contra, non só se aprobou o estudo das contas dos últimos cinco anos, senón que se ampliou o período a quince anos.
Deste xeito acordaron que sexa a secretaria municipal quen, co apoio dunha empresa externa, recolla toda a información relativa, principalmente, á xestión e obras no polígono industrial, ás facturas pendentes de pago ou ás reclamacións feitas por algunhas empresas. Na sesión plenaria de onte aprobouse tamén o plan parcial de Barrantes e que permitirá a construcción de tres bloques de edificios nunha parcela situada detrás do concello ribadumiense.