A sorte sorrí a Cuntis no último momento

A sorte chegou ao concello de Cuntis cando o sorteo estaba a punto de rematar. Preto das 13:15 horas e coas últimas bolas da novena táboa saía o 49797. O número era premiado co cuarto premio, o último dos grandes que quedaba por saír. A fortuna voaba con ese número a Cuntis e deixaba na comarca máis de 5 millóns de euros. No último momento a vila convertíase no municipio máis premiado de Galicia neste sorteo.

A administración encargada de repartir este premio foi a do café Quico. Máis de 250 décimos premiados con 20 mil euros cada un. Gran parte destas papeletas foron repartidas en Moraña, no bar Alborada. Un premio que, segundo o propietario, foi repartido entre os veciños da vila e clientes do establecemento.

Este non foi o único premio que a sorte deixou na comarca. Un dos primeiros quintos premios en saír tamén foi para o concello de Moraña. A sorte vendeuse na cafetería Xolda. Os agraciados con este premio recibirán 6 mil euros por décimo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí