Malestar en Ribeira pola negativa da Xunta a ampliación do porto comercial

    O deputado do Partido Popular e tenente-alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, vén de amosa-lo seu descontento ante as declaracións feitas onte polo presidente de Portos de Galicia, Vicente Irisarri, sobre a paralización do proxecto da dársena exterior de Ribeira.

    Este anuncio feito polo presidente de Portos de Galicia sembrou á polémica en torno a un dos proxectos máis importantes previstos na comarca do Barbanza para o próximo ano. Neste sentido, o Grupo Popular vén de presentar unha iniciativa parlamentaria para averigua-las causas da negativa da Xunta a aprobar esta actuación, á que xa se dera luz verde no Parlamento e estaba contemplada nos presupostos para o 2006. O deputado Manuel Ruíz considera errada a decisión do ente aunonómico en vista da necesidade que supón a realización deste proxecto nun dos portos de Galicia máis rentables en termos económicos.

    Ruíz considera imprescindible a ampliación do espazo portuario para acoller novas infraestruturas dedicadas a actividades tan relevantes no municipio como a conserveira. Para o deputado a obra contribuiría á creación e consolidación de emprego en toda a comarca, constituíndo unha actuación de alta rentabilidade, ó contrario dos criterios expresados por Portos sobre a necesidade de economizar recursos.

    Á espera de que Portos de Galicia replantexe o proxecto, o grupo popular acometerá diversas actuacións para conseguir que a Xunta de Galicia reconsidere esta postura. Trala reunión mantida entre o presidente de Portos e Torres Colomer, os populares pretenden concertar unha entrevista co presidente da Xunta e Galicia e demais sectores implicados para debater as causas da paralización deste proxecto.

    Tralo malestar xerado pola decisión autonómica, o grupo popular insta á Xunta de Galicia a reconsidera-la súa postura insistindo na necesidade da construción do porto exterior. Segundo Manuel Ruíz, esta iniciativa contribuiría a solventar a deslocalización da industria conserveira, un dos maiores problemas deste sector.