RIBEIRA> Ribeira collerá o testemuño de Rianxo na terceira edición da andaina solidaria da Asociación de Trastornos do Espectro Autista do Barbanza, BarbanTEA.
A cita terá lugar o domingo, 12 de abril, ás dez da mañá.
Será unha proba cun nivel de dificultade baixo, cun percorrido de cinco quilómetros, que se iniciará na praza García Bayón para continuar posteriormente pola zona do paseo marítimo cara Coroso.
Pero o fin da andaina, ademais do aspecto deportivo, é que terá un fin solidario, e todo o que se recade irá destinado á asociación.
Dende o Concello, que colabora coa proba, fan unha chamada a participar ese día na andaina.
O prazo de inscrición xa está aberto, podéndose realizar a través da páxina web www.galitiming.com, nas accións formativas de BarbanTEA ou o mesmo día da proba.
O custe será de cinco euros para maiores de tres anos.
A organización habilitou tamén unha fila 0 para quen non poida participar, pero desexe colaborar igualmente coa entidade.











