Unha comisión de expertos analizará a actual normativa urbanística en Boiro

    O concello de Boiro vén de acordar a modificación e actualización de varias ordenanzas urbanísticas despois dunha xuntanza mantida na casa consistorial na que participaron membros do executivo local, o arquitecto municipal, representantes da Asociación Boiresa de Empresarios e do sector da construción.

    Na reunión analizouse a actual normativa urbanística e expuxéronse os aspectos que presentan algún tipo de problema ou que poden ser motivo de estudo para, mediante novas ordenanzas ou modificando as actuais, buscarlle unha solución dentro do PXOM.

    Os aspectos que provocaron maior número de problemas foron as que afectaban a accesos a garaxes, ascensores, alturas máximas dos edificios ou aleiros.

    Na xuntanza acordouse tamén crear unha comisión de coordinación que seguirá a face-la análise destas e outras cuestións que poidan ser susceptibles de modificación.

    Esta comisión estará integrada polo Concelleiro de Urbanismo, Xoán León, o arquitecto municipal, Roberto Chao, e os técnicos Amancio Losada e Ignacio López Soto.

    Precisamente o Concelleiro de Urbanismo, Xoán León, informou de que nos vindeiros días convocarase ós técnicos redactores de proxectos que traballan no municipio co fin de que expoñan as súas inquedanzas en materia urbanística, así como as propostas que estimen como mellorables e asumibles para un mellor desenvolvemento das actividades.

    Esta xuntanza servirá tamén para expoñe-los posibles problemas existentes, analizalos e tratar de buscarlle unha solución.