BARBANZA> A Deputación da Coruña contará o próximo exercicio cun orzamento de 240 millóns de euros. Destaca a aposta polo financiamento de obras e servizos nos concellos cun incremento do 72 por cento no Plan Único.
A Deputación da Coruña contará en 2025 co orzamento máis alto da súa historia. Dos 240 millóns e medio de euros, case a metade destinarase a investimentos nos concellos a través do Plan Único e do anticipo das liñas de subvencións. Fronte a esta aposta por axudar ós concellos a manter uns servizos públicos municipais de calidade, dende a Deputación criticaron o escaso financiamento que destina a Xunta a este fin a pesar de contar cun orzamento moito maior.
Os presupostos, que se someterán a aprobación do pleno o próximo día 22, reforzan tamén a súa aposta social con máis do 14 por cento do gasto destinado ó Servizo de Axuda no Fogar ou programas como o de Teleasistencia ou o impulso dun novo modelo de residencias públicas.Destaca tamén o apoio ós sectores produtivos cun investimento de trinta millóns, dos que máis da metade irán destinados ó Plan de Emprego Local.
Outro dato a destacar é o incremento no orzamento do Consorcio Provincia de Bombeiros para facer fronte ás melloras salariais e incremento da plantilla que veñen demandando os profesionais.
A administración provincial incrementará tamén o próximo ano os fondos destinados a Cultura e Lingua con máis de 13 millóns así como o mantemento e mellora da rede provincial de estradas con preto de 25 millóns para a área de Vías e Obras.