Mar incrementa nun nove por cento os orzamentos para 2018

    SANTIAGO> Cento cincuenta e cinco millóns de euros. Este será o orzamento da Consellería do Mar para o 2018, un nove por cento máis que no exercicio anterior. A Conselleira compareceu esta mañá no Parlamento para explicar as principais liñas inversoras do seu departamento que priorizará a mellora da competitividade do sector pesqueiro. Mar incrementa en máis dun nove por cento os fondos orzamentarios para o vindeiro exercicio. Segundo expuxo a Conselleira Rosa Quintana destinaranse boa parte dos cento cincuenta e cinco millóns de euros dos que disporán a incrementar a competitividade do sector con medidas encamiñadas á mellora da transformación e comercialización, á consolidación dos mercados ou ós proxectos de investigació. A Consellería aposta tamén pola creación de emprego con subvencións para a compra de embarcacións, o incremento dos fondos destinados a formación e a eliminación da partida para o despezamento de buques. No apartado da produción destaca a aposta polo mexillón no marco das axudas destinadas á acuicultura con máis de dezaoito millóns de euros. A economía azul, como factor de desenvolvemento socioeconñomico da contorna pesqueira, experimenta tamén un incremento próximo ó oito por cento con máis de catorce millóns de euros para os grupos de acción local do sector pesqueiro. A mellora das infraestruturas portuarias ocupan un lugar destacado nestes orzamentos cun incremento do 46 por cento con ambiciosos proxectos para dotar de pantaláns á flota bateeira de Arousa ou o acondicionamento do borde portuario de Porto do Son. Os presupostos presentados pola Conselleira manteñen o Servizo de Gardacostas, o Intecmar e o Centro Tecnolóxico do Mar como áreas blindadas con preto de catorce millóns de euros para a súa actividade.