A oposición de Vilagarcía estuda estes días a proposta do grupo municipal de modificación de taxas e impostos. Todos califican de desmesurada a subida plantexada por Javier Gago e aseguran que ten xa unha proposta máis asumible para a cidadanía.
Independentes de Vilagarcía veñen celebrando unha serie de reunións para tratar o tema das ordenanzas municipais. Para o portavoz de IVIL, José Luis Rivera Mallo, as subas propostas polo alcalde son desproporcionadas e a solución dos gastos municipais non pasa por gravar as economías máis modestas senón por recortar gastos.
O PP critica a negociación con condicionantes plantexada por Gago. Malia todo, os populares teñen a súa propia solución, que pasa por recortar gastos e servizos e optar pola economía do aforro. Segundo o PP, a técnica do alcalde é a de plantexar unhas subas tan altas que se rematen por negociar ata conseguir un punto intermedio. Como se dunha poxa se tratara.
O BNG está a estudar con rigor a proposta. Pero a primeira impresión deste grupo municipal é que a subida é inconcedible. Xosé Castro Ratón sinala é que é a máis desmesurada que propuxo Gago nos seus anos de mandato. Asegura que as cifras dadas polo alcalde non son reais e está disposto a demostrarllo á cidadanía con datos. O grupo nacionalista comprométese a dar a coñecer a súa proposta antes do pleno e insiste en que non aceptará negociacións con condicións co grupo de goberno.
Desmesurada tamén é o calificativo que lle dá Esquerda Unida á subida de impostos e taxas plantexada polo goberno local. O portavoz deste grupo Juan Fajardo ve inconcedible que o alcalde dixera que calquera familia pode asumir este gasto impositivo. Esquerda Unida presentará ó grupo de goberno unha proposta de subida máis moderada e volverá a plantexar máis bonificacións a familias.
PP, BNG e Esquerda Unida non esquecen os últimos apoios de IVIL ó grupo de goberno e cren que nesta ocasión se volverá a repetir.
Pola súa banda, o rexedor vilagarcián asegura que non coñece aínda proposta algunha de ningún grupo da oposición. Amósase disposto a escoitalas pero pide que se poñan enriba da mesa alternativas claras.