CAMBADOS> Hoxe conmemórase o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo. Aproveitamos esta xornada para visitar as novas instalacións de Bata en Cambados. Trátase dun baixo de titularidade municipal cedido á entidade, onde xa desenvolve o seu traballo. Na vila, como noutros puntos da nosa contorna, aproveitouse esta xornada para ler manifestos a prol da visibilidade deste trastorno e a inclusión das persoas que o padecen.
A visita era obrigada neste Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo. A Asociación BATA acaba de estrear en Cambados unha nova sede onde desenvolver a súa actividade. Está situada nun local de titularidade municipal, na Casa Social da rúa Os Pazos. A entidade asinou un convenio co concello hai agora xa un ano, que supuxo tamén a posta a punto deste espazo.
En total, investíronse 14.000 euros que permitirán a BATA ofrecer ás familias Xornadaun espazo axeitado para desenvolver as súas actividades.
A súa sede principal está en Vilagarcía, pero aquí desenvolverán boa parte do seu traballo, pero cunha proxección que abrangue toda Galicia.
Logo de visitar as instalacións, na praza do Concello de Cambados tivo lugar a lectura dun manifesto para conmemorar este Día Mundial do Autismo. Na vila sumáronse á campaña ‘Somos infinitos’ de Autismo España.
Irene, membro de BATA, foi a encargada de ler o manifesto en Cambados. Unha acción que tamén se repetiu hoxe noutros puntos da nosa xeografía, como en Vilagarcía ou O Grove.