Aparece morto no Sar o veciño de Pontecesures desaparecido fai días

    dv_724_-_sar_100.jpgPADRÓN > Esta tarde apareceu morto Luís Ramiro Costas, o veciño de Pontecesures que levaba varios días desaparecidos.

    O corpo sen vida deste home de 63 anos, natural de Beade, pero residente desde fai anos no centro de Pontecesures; apareceu aboiando ás 3.10 desta tarde nesta desembocadura do río Sar, á altura da área recreativa deste río, no Concello de Padrón. A voz de alarma deuna unha persoa que se encontraba paseando polo paseo fluvial lindeiro.

    Ata o lugar do achádego acudiron efectivos de protección civil e dos servicios municipais de emerxencia de Padrón, que acudiron cunha lancha tipo zodiac a sacalo da auga;nunha zona que xa fora rastrexada días atrás. O coordinador Xefe de Servicio Municipal de Padrón, José Carlos Eco Santos, sospeita que o corpo podería atoparse río afora, xa no Ulla, e que a marea podería telo arrastrado cara o interior, xa no Sar.

    O corpo non presentaba lesións destacadas nin existen indicios na primeira exploración visual que poidan esclarecela causa da súa morte, polo que haberá que agardar ó resultado da autopsia para coñecer as causas.

    O levantamento do cadáver produciuse ás cinco menos cuarto da tarde, ante ollada dos familiares deste home separado, que vivía só desde fai anos. Estes mesmos parentes quedaron sen verbas ante esta nefasta resolución do caso, aínda que, entre saloucos, volveron a protestar polo xeito e a falla de medios que se dedicaron a este caso; desde que interpuxeran a denuncia pola súa desaparición fai catro días.

    Redacción Salnés