O Fogar Galego para Anciáns Domselar de San Vicente en Bos Aires e maila Fundación Cume de Vigo foron galardoados onte co premio Entreculturas. Un premio que outorga a Deputación de Pontevedra cada ano cadrando coa celebración do Día da Hispanidade.
Seis mil euros foron a parar na presente edición dos premios Entreculturas ó Fogar Galego para Anciáns de San Vicente en Bos Aires e á Fundación Cume de Vigo pola súa actividade altruísta e solidaria. Uns premios que foron entregados na tarde de onte na Deputación de Pontevedra coincidindo co Día da Hispanidade. O presidente da Deputación, Rafael Louzán aproveitou para facer unha chamada á unión entre os pobos.
Louzán recalcou tamén o vencello de Galicia co Novo Mundo e con Iberoamérica e lembrou os piares do premio Entreculturas: a lingua e colturas comúns sen exclusión doutras. Pola súa banda a presidenta da galardoada Fundación CUME de Vigo comentou que os cartos recibidos irán destinados ás víctimas do furacán Stand. Un xesto que se corresponde coa filosofía de CUME.
O presidente do fogar galego para anciáns Domselar agradeceu o apoio da deputación pontevedresa pola súa axuda a un colectivo que non esquece as súas raíces.
Redacción Salnés