CAMBADOS> Enoturismo e Elaboración de Viños son as materias que trata o novo curso da Mancomunidade do Salnés. A acción formativa está enmarcada no Programa Integrado de Emprego e busca dar resposta a unha necesidade crecente do territorio: a escaseza de perfís profesionais especializados en enoturismo. Os oito candidatos xa empezaron a súa formación, que se desenvolverá en Condes de Albarei e Pazo Baión.
A Mancomunidade do Salnés volve mirar cara o sector vitivinícola no deseño da súa oferta formativa. Xa está en marcha un novo curso enmarcado no seu Programa Integrado de Emprego, que formará ao alumnado en Enoturismo e Elaboración de Viños.
O curso estase a desenvolver nas adegas Condes de Albarei e Pazo Baión. Por primeira vez, a formación combina estes dous aspectos do sector. Dunha banda, os oito alumnos participantes adquirirán coñecementos técnicos sobre a elaboración de viños.
Da outra, porase o foco no enoturismo e na comunicación do viño. O obxectivo é que os coñecementos do alumnado non se queden unicamente en saber como se elabora un viño. Senón que aprendan a contalo e a convertelo nunha vivencia.
Para os oito alumnos participantes, este curso ofrece unha oportunidade de entrar no mercado laboral. Formaranse durante 60 horas, conscientes da puxanza do sector vitivinícola en xeral e do enoturismo en particular.
Para a Mancomunidade non se trata só do seu compromiso cunha formación que atenda ás necesidades reais do mercado laboral. Tamén entronca coa aposta que fan polo enoturismo como elemento desestacionalizador do turismo.
No marco deste Programa Integrado de Emprego estanse a desenvolver outros cursos, como Caixeiro-Reponedor, Operador de Carretas Elevadoras, Creación de Blogs, Ecoturismo, Loxística de Almacén, Big Data, Agricultura de Precisión ou Teleasistencia.











