O Intecmar celebra o seu 25 aniversario con xornadas de portas abertas

    VILAGARCÍA > O Intecmar conmemora o seu 25 aniversario. Para celebralo, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño abre as súas portas a todo aquel que o desexe, coa intención de dar a coñecer a súa labor, centrada no control da calidade do medio mariño. Hoxe celebrouse a primeira dunha serie de visitas guiadas. Era o ano 1992 cando a Xunta poñía en marcha en Vilaxoán o INTECMAR, un organismo centrado na protección e mellora da calidade do medio mariño e no fomento da produción de moluscos baixo os limiares de máxima calidade. Daquela chamábase Centro para o Control da Calidade do Medio Mariño e a súa capacidade de resposta era limitada. 25 anos despois, e convertido xa nunha referencia mundial no sector, o INTECMAR decidiu abri-las súas portas para dar a coñecer os seus múltiples campos de actuación. O Instituto organizou catro xornadas de portas abertas, de calquera tipo de perfil. Hoxe celebrouse a primeira desas citas, cunha conferencia impartida polos propios expertos do centro na que se deron a coñecer os diversos quefaceres do Instituto en materia de seguridade alimentaria, sanidade animal e contaminación. A xornada completouse cun percorrido polas instalacións, permitindo afondar nas súas funcións e na historia do centro. No mes de xaneiro desenvolveranse as outras tres xornadas guiadas, para as que xa non quedan prazas. Ante a boa acollida da iniciativa, dende o Intecmar valoran xa a posibilidade de lanzar novas datas para o mes de febreiro.