O BNG de Ribeira respalda a ampliación do porto

    O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira vén de posicionarse a favor do proxecto da dársena exterior, sempre e cando se conxugue co mantemento e potenciación do sector marisqueiro existente.

    A postura dos nacionalistas ribeireses en canto ó proxecto de ampliación do porto exterior non deixa lugar a dúbidas sobre a necesidade de crear novas infraestruturas na zona portuaria de cara a un maior crecemento industrial das empresas pero sempre dentro dos límites de desenvolvemento sustentable. Deste xeito, o BNG supedita á ampliación do porto ó mantemento dos bancos marisqueiros da zona que, actualmente, constitúen unha das industrias xeradoras de maior riqueza na comarca. Segundo as estatísticas proporcionadas pola confraría, son máis de trescentas as embarcacións censadas coa consecuente creación de postos de traballo e ingresos.

    A alternativa proposta polo BNG contempla a ampliación do espazo para infraestruturas industriais pero sen necesidade de proceder a un excesivo recheo que afecte ós bancos marisqueiros da zona, especialmente de Insua e Coroso.

    Esta mesma liña é compartida polo sector marisqueiro da localidade que non se opón á ampliación da dársena en si senón á idea do recheo contemplada no anteproxecto do PP. Neste sentido, os nacionalistas ribeireses tamén queren deixar claro que na idea plantexada polos populares, que nin sequera ten carácter de proxecto, non se contempla a recuperación dos bancos marisqueiros que puideran resultar afectados nin outro tipo de alternativas. As únicas contraprestacións establecidas para os mariscadores no documento refírense a prexubilacións e axudas e subvencións.

    Por outra banda, paraos nacionalistas a ampliación do porto comercial non pode acometerse de maneira illada senón que deberá ir acompañada dun plano de usos do porto e unha mellora das instalacións existentes, como é o caso da lonxa, que garantan a boa utilización das novas infraestruturas.

    O grupo nacionalista considera ademais que o porto non debe converterse nun polígono industrial polo que a creación de chan industrial debe realizarse noutras áreas como no parque de Xarás, actuación para a que os nacionalistas xa están a xestionar con Consellería de Vivenda e Solo. Deste xeito, o concello ribeirés conservaría o actual estado da súa fachada marítima sen que se vira alterado pola instalación de novas factorías.

    O polígono de Xarás é o espazo máis axeitado para a creación de novo solo industrial, como alternativa ó recheo proxectado no porto polos populares. Segundo os nacionalistas, Xarás constituiría un lugar moito máis idóneo debido ás mellores comunicacións e á posibilidade de abaratar custes mediante a construción de instalacións conxuntas co concello da Pobra.

    Nesta liña, os nacionalistas xa teñen prevista unha reunión cos representantes da Consellería de Vivenda e Solo para expoñer a súa proposta sobre o chan industrial. Así mesmo, tamén teñen solicitada unha reunión con Portos de Galicia para explicarlle os factores que fan necesaria a ampliación do porto comercial sempre que se contribúa a fomentar o desenvolvemento do sector marisqueiro.

    Redacción Barbanza