Comeza a escalada de prezos do marisco de cara ó Nadal

    POBRA> A medida que avanza o mes de decembro, os prezos de peixes e marisco comezan a subir como a escuma de cara ó Nadal. Os máis previsores optan por mercar xa a materia prima para os seus menús e conxelar. Facéndoo poden chegar a aforrar ata dez euros por quilo. A só quince días do Nadal, moitos compradores xa teñen o marisco e o peixe que servirán nestas datas sinaladas no seu conxelador. Non é estraño ver estes días maior afluencia de xente nos mercados da comarca en busca de camarón, centola ou nécora. Aínda que xa se notou unha suba nos prezos dende o arranque de decembro, nada comparado co que está por vir. Na véspera dos días festivos a centola pode alcanzar os corenta euros, a nécora superar os sesenta e o camarón roldar os cen. Estas contías, prohibitivas para moitos, son as que pagarán aqueles que, a pesar da suba, prefiren consumir o marisco fresco. E é que aínda que a calidade se mantén tralo paso polo conxelador, hai quen insiste en que o sabor cambia. Outros, pola contra, prescindirán do marisco durante o Nadal e agardarán a que baixen os prezos para mercar o mellor da nosa ría a menor prezo.