O polbo, protagonista dunha nova festa gastronómica

    RIBEIRA> A parroquia de Palmeira acollerá a primeira festa do polbo. Será esta próxima fin de semana.

    A explanada portuaria de Palmeira acollerá a primeira festa do Polbo do municipio. O evento, que está organizado polo concello ribeirense, arrancará ó sábado ás 12 do mediodía e alongarase durante toda a fin de semana. Ademais de exaltar o prezado produto, con esta cita preténdese dar a coñecer os encantos da parroquia palmeirá. Da preparación do cefalópodo encargarase o experimentado polbeiro Manuel Veloso, provinte dunha familia experta neste ámbito. O seu polbo á feira fará a boca auga de todos os que por alí pasen. Para amenizar a xornada haberá numerosas actuacións musicais da mañá á noite (charangas ó mediodía, pasacalles a cargo do grupo ribeirense A Gandaina e concertos polas noites). A maiores haberá unha masterclass de zumba, na que poderán participar todos aqueles que o desexen, e unha exhibición de taekwondo a cargo do club Natural Sport. Cabe destacar que o pregón correrá a cargo do músico palmeirán Enrique Paisal, compoñente de Los Tamara e director da Coral Polifónica Municipal.