O BNG da Pobra reclama novamente diversas melloras no campo de Cadreche

    POBRA> Os nacionalistas solicitan unha grada cuberta e o peche perimetral do recinto, así como o arranxo dos accesos e a mellora da iluminación. O BNG da Pobra do Caramiñal vén de denunciar novamente varias carencias existentes no campo de fútbol de Cadreche como poden ser a construción dunha grada cuberta, o peche perimetral e a mellora da iluminación e dos accesos ó recinto deportivo. Recollen así as queixas de moitos usuarios das instalacións que ven como o seu deterioro é cada vez maior. Segundo os nacionalistas trátase de vellas reclamacións que a día de hoxe seguen sen materializarse. Precisamente o BNG informou de que ten previsto incluír no seu programa electoral de cara ás vindeiras eleccións municipais de maio unha serie de medidas que buscan a promoción do deporte local, especialmente as vinculadas ás categorías base.