Costas avanza no proxecto de rexeneración dos Areos

A POBRA> Hai varias semanas a Demarcación de Costas sacaba a exposición pública o proxecto de rexeneración da praia dos Areos, na Pobra do Caramiñal. A actuación, cun investimento total de dous millóns de euros, permitirá poder recuperar para uso público un espazo na actualidade degradado, incluíndo o derrube das antigas naves dos cataláns, que se atopan nun estado importante de ruína.

O proxecto de rexeneración da praia dos Areos, deseñado pola Demarcación de Costas, permitirá a recuperación dun espazo de indubidable valor medioambiental e turístico. Aínda que nun primeiro momento se pensou na conservación das antigas naves dos cataláns alí emprazadas, cun alto valor histórico, finalmente non houbo opción, xa que Costas non permite concesión algunha en zonas susceptibles de inundarse.

O proxecto, cun investimento de dous millóns de euros, ten coma obxectivo a recuperación de superficie da praia, a eliminación do tráfico rodado e a adecuación de novo do borde litoral coa habilitación dun paseo.

Segundo o rexedor suporá un cambio significativo da imaxe actual da fachada marítima da Pobra, que se sumará a outro proxecto tamén en fase de redacción como é o da remodelación do tramo máis urbano da vila.