Si ó Centro Social de Cabo de Cruz

    A corporación municipal de Boiro celebrou a última hora da tarde de onte unha sesión plenaria con carácter extraordinario na que se abordaron diversos temas de importancia para o municipio. Un deles foi o proxecto de construción do Centro Socio-cultural e de Usos Múltiples na parroquia de Santa María do Castro en Cabo de Cruz aprobado por unanimidade polos tres grupos políticos con representación municipal.

    Os veciños da parroquia boiresa de Santa María do Castro en Cabo de Cruz poderán dispor nun breve espazo de tempo dun Centro Socio-cultural e de Usos Múltiples que estará ubicado no lugar que ocupa actualmente a praza de abastos, despois do acordo por unanimidade ó que chegaron os tres grupos políticos con representación municipal durante a celebración do pleno extraordinario de onte.

     Deste xeito verán cumprido unha das súas maiores demandas e pola que veñen loitando dende hai máis de 20 anos, xa que a pesar de ser unha das parroquias con maior dinamismo social e cultural non dispoñía dun local axeitado para poder realiza-las numerosas actividades que organizan ó longo do ano.

    Neste sentido o voceiro do grupo municipal socialista, Xoán Xesús Ares, fixo referencia na súa intervención a este feito, sinalando ademais os problemas existentes para levar a cabo a construción deste edificio na zona portuaria como estaba previsto inicialmente e como desexaban a maioría dos veciños.

    Antón Vidal, polo BNG, referiuse á inquedanza existente en Cabo de Cruz pola tardanza en construír un edificio socio-cultural que veña a palia-las carencias existentes na parroquia.

    Pola súa banda tanto Xoán Xosé Dieste coma Jorge González do Partido Popular criticaron duramente ó goberno pola ubicación do futuro edificio. A pesar de votar a favor desta obra, os membros do grupo popular amosáronse contrariados pola xestión levada a cabo polo actual executivo que non fixo nada diante das respectivas administracións para posibilitala súa ubicación na explanada portuaria.

    O voceiro de Iniciativa Cidadá, Manuel Velo foi máis alá e culpou ó anterior goberno da Xunta de Galicia por non da-los permisos pertinentes para acometer esta obra na zona portuaria.

    O alcade, Xosé Deira tamén interviu neste punto sinalando que o executivo levou a cabo xestións diante das distintas consellerías pero que non fructificaron ante a negativa da Xunta de emprazar alí o edificio. Por esta razón e ante a posibilidade de que se perdera a subvención optouse pola ubicación deste novo inmobleno espazo no que se ubica actualmente a praza de abastos.

    Redacción Barbanza