RIANXO > O Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, achegouse esta mañá a Rianxo para inaugurar de xeito oficial o Obradoiro de Emprego “A veliña” financiado conxuntamente pola Xunta de Galicia, o concello rianxeiro e a Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo. Nesta iniciativa de formación, cun presuposto que se achega ó millón de euros, participan unhas 40 persoas, fundamentalmente mulleres, divididos en catro módulos: cantería, xardinería, albanelería e carpintería.
A pesar de que o Obradoiro de Emprego “A Veliña” iniciou a súa andaina o pasado 30 de decembro, a súa inauguración oficial produciase hoxe da man do propio Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela. Ás portas da casa consistorial foi recibido por case a totalidade da corporación municipal, co seu alcalde á cabeza, Pedro Piñeiro.
Xa no salón de plenos o alcalde tivo palabras de agradecemento para a Consellería de Traballo que fai posible a posta en marcha deste plan de emprego que dará formación a homes e mulleres da localidade, que posteriormente poderán acceder ó mundo laboral mellor preparados.
Ricardo Varela referiuse ó traballo que está a desenvolve-lo seu departamento para levar adiante políticas efectivas de emprego. Segundo el este tipo de iniciativas como a que se está a desenvolver en Rianxo ten unha dobre función, por unha banda a realización dunha serie de obras de importancia para o municipio e pola outra a creación de emprego.
O titular de Traballo destacou tamén dous retos importantes que ten en mente a súa consellería como son diminuí-la precariedade laboral e a sinistralidade.
Durante o acto no concello no que tamén estivo presente a Delegada Provincial de Traballo, María Debén, o alcalde convidou a Ricardo Varela a asinar no libro de honra do concello e entregoulle unha figura de Castelao, símbolo de Rianxo e de Galicia.
Posteriormente a comitiva partiu dende a casa do concello ata o lugar de Rañó, na parroquia rianxeira de Leiro, onde se están a desenvolver boa parte das actuacións do Obradoiro de Emprego “A Veliña”.
O Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, xunto co alcalde, Pedro Piñeiro, e o resto de autoridades achegouse posteriormente ata Rañó, na parroquia de Leiro, para supervisa-los traballos que están a desenvolve-los alumnos do Obradoiro de Emprego “A Veliña”.
Nesta experiencia formativa, cunha duración dun ano, participan un total de 40 persoas, das que 34 son mulleres e 6 son homes.
Tódolos participantes teñen máis de 25 anos e están distribuidos en catro módulos: 12 en cantería, 12 en albanelería, 8 en xardinería e 8 en carpintería.
Ademais da formación teórica na que tamén se dan nocións de informática, prevención de riscos ou teoría de cada un dos oficios, no Obradoiro de Emprego dáselle unha gran importancia á formación práctica.
Así dentro desta experiencia laboral realizaranse importantes obras para o municipio, boa parte delas precisamente no núcleo de Rañó. Alí levarase a cabo a pavimentación e mellora da praza, o acondicionamento do Centro Cultural, a revalorización do núcleo da igrexa, a restauración dun lavadoiro e o acondicionamento dun parque para uso e desfrute dos veciños da zona.
Redacción Barbanza