A ubicación da piscina municipal e do futuro campo de fútbol de Rianxo son dous dos asuntos nos que está a traballar o goberno local. Actualmente, o concello xa dispón das partidas necesarias para a realización de ámbolos dous proxectos, financiados integramente pola Deputación provincial da Coruña.
O concello de Rianxo contará en breve cunha piscina, ubicada nos terreos que ocupan habitualmente as pistas deportivas. O proxecto, que suporá un investimento de millón e medio de euros financiados integramente pola Deputación da Coruña, está pendente de contratación aínda que o alcalde, Pedro Piñeiro, confía en que se efectúe este ano.
Neste sentido, o concello está estudando a posibilidade de construír unhas pistas polideportivas novas no patio do Colexio Castelao, en lugar das antigas que serán ocupadas pola futura piscina climatizada.
Polo que respecta ó campo de fútbol, aínda non está decidido o seu emprazamento e o concello está a estudar tres posibilidades, perfilándose como máis factible a dos terreos da zona de Vilas ofertados pola Comunidade de Montes de Asados.
Nun principio planeábase a ubicación do campo de fútbolna canteira pero a existencia de certos problemas con Patrimonio viu a retrasar a firma do convenio. A terceira das posibilidades, considerada como a máis remota sería o seu emprazamento no actual parque empresarial.
Redacción Barbanza