‘Vigalicia’ reivindica un sistema autoxestionado de asistencia persoal

    vigalicia_100_200307.jpgSANTIAGO > Os membros do Foro de Vida Independente presentaron na Universidade de Santiago a nova asociación que veñen de constituír: ‘Vigalicia’.

    Esta asociación nace co obxectivo de poñer en marcha ferramentas sociais que permitan a autodeterminación das persoas con diversidade funcional para vivir en igualdade de oportunidades que o resto dos cidadáns.

    As persoas con diversidade funcional teñen moito que dicir na xestión dos recursos destinados polas administración en materia de dependencia. Quen mellor que eles para determina-las necesidades básicas que ten unha persoa nestas circunstancias e os servizos que precisa para poder desenvolver a súa vida con normalidade.

    Autoxestión

    Por este motivo, a nova ONG ‘Vigalicia’ reivindica o pago directo e a asistencia persoal como principios básicos para que as persoas con diversidade funcional convivan en igualdade de oportunidades co resto dos cidadáns. Esa é a principal demanda da asociación que entende que, a través dun sistema de asistencia persoal baseado na xestión directa dos recursos, cada persoa podería mellorar notablemente a súa calidade de vida incidindo nos aspectos máis necesarios.

    Durante a presentación da nova organización estivo tamén presente un membro da Rede Europea de Vida Independente, Javier Romañach, que quixo felicitar ós membros de Vigalica polo traballo desenvolvido dende o Foro de Vida Independente da comunidade galega.

    Implicación das administracións

    Para Romañach é un gran paso que as administracións públicas comprendan a necesidade de deseñar políticas sociais que permitan a igualdade de oportunidades. De aí, a importancia da recente aprobación dunha proposición non de lei no parlamento galego impulsada dende a asociación, para promover un sistema galego de asistencia persoal baseado na filosofía de Vida Independente.

    Vigalicia non reivindica a prestación de novos servizos ás persoas en situación de dependencia senón un cambio de ideoloxía, que contribúa a cambiar moitos conceptos discriminatorios que aínda perviven na sociedade actual. Así, este ‘colectivo en loita’, como eles mesmos se definen, aposta pola súa independencia propoñendo un cambio no modelo das políticas sociais como referente a nivel europeo.

    Redacción Barbanza