Denuncia medioambiental en Ribeira

    As consecuencias derivadas da folga de transporte, na que o sector da recollida de lixo é un dos principais afectados está a levanta-las primeiras polémicas na comarca do Barbanza. Neste sentido o BNG de Ribeira vén de denuncia-la utilización da canteira de Xarás como lugar provisional de depósito do lixo recollido no municipio.

    Os veciños da parroquia de Artes en Ribeira están a sufrir os cheiros derivados dos vertidos de lixo que se están a producir na canteira de Xarás durante os últimos días. O motivo da utilización desta zona como vertedoiro non é outro que a folga de transporte que imposibilita o traslado do lixo á planta de Cerceda.

    Segundo a voceira do BNG, Dominga Brión, este lugar non é o axeitado para a acumulación dos residuos posto que se atopa á beira da estrada de Noia e preto das casas de Artes. Ademais do problema coa ubicación o grupo municipal do BNG denuncia a forma incontrolada de realizar os vertidos, sen respectar os límites hixiénicos e medioambientais.

    Por estes motivos, os nacionalistas solicitan ó goberno local que poña en práctica as medidas técnicas para minimizar as molestias e para evitar o risco sanitario derivado das posibles filtracións ó subsolo. Así mesmo, reclaman que unha vez rematada a folga do transporte sexan retirados os vertidos e que se proceda ó saneamento integral da zona.

    Redacción Barbanza