Os piragüistas do Breogán O Grove que participaron no Mundial de Maratón en Australia recibiron o venres pola noite un caluroso recibimento. Como vén sendo xa habitual cada vez que colleitan un logro deportivo, organizouse unha caravana de coches pola vila e despois foron recibidos no concello.
O Grove rendiu unha emotiva homenaxe ós mundialistas do Breogán. O venres pola noite, organizouse unha caravana de vehículos que percorreu varias rúas do concello cos piragüistas Manuel Antonio Campos, Alfredo Bea e Rubén Paz.
Na Casa Consistorial foron recibidos polo concelleiro de Deportes Alexandre Aguín, e polas ediles Ana Isabel Domínguez, Paula Janza, e Carlos Álvarez Besada. O presidente do Clube Breogán, José Millán, agradeceu o recibimento do Concello e destacou a valía dos tres palistas.
Como recoñecemento ós seus méritos no Mundial de Maratón de Australia cada un dos palistas recibiu unha praca conmemorativa deste acto. O primeiro en recollela, de mans da concelleira de Xuventude, foi Tono Campos, cuarto en C-1 Senior; a concelleira de Cultura entregou a praca a Rubén Paz, bronce en C-1 Junior; mentres que Alexandre Aguín fixo o propio con Alfredo Bea, prata en C-1 Senior. O clube, pola súa banda, entregou a cada un dos palistas unha fotografía de recordo do seu paso polo mundial.
Redacción Salnés