As Confrarías do Barbanza deciden a volta á actividade

    flota de baixura da comarca do Barbanza decidiu retomar a súa actividade e poñer fin ó paro decretado o pasado venres como medida de presión para conseguir axudas ó combustible.

    Esta mañá tivo lugar en Santiago unha xuntanza na que participaron representantes das 63 confrarías galegas para debater a continuidade ou non do paro decretado a pasada semana. A decisión de volver a faenar foi unánime entre tódalas confrarías do Barbanza. A pesar de que os pósitos da comarca apoian o obxectivo da folga de conseguir axudas para o combustible non comparten os criterios nin a falla de organización coa que se levou a cabo este paro.

    Os respresentantes dos pósitos barbanzáns consideran moi digna esta reivindicación, posto que o ascenso continuado dos prezos do carburante fai perigar a rentabilidade da actividade pesqueira pero non apoian a forma elixida para protestar.

    Neste sentido, é preciso lembrar as perdas que supón para o sector o amarre da flota, con especial gravidade no caso do marisqueo por tratarse dun sector moi pequeno. Así mesmo, o patrón maior da confraría da Pobra do Caramiñal, Manuel Maneiro, considera que a folga careceu de organización dende un principio posto que limitáronse a seguir ó paro convocado no transporte, sen establecer uns criterios axustados á súa actividade.

    Por outra banda, Maneiro considera que o sector da pesca ten problemas económicos moito máis importantes como son a merma das capturas, consideración que debería ser tida en conta xunto co problema da suba do gasóleo.

    Por todos estes motivos, as confrarías da comarca, ó igual que a maior parte dos pósitos da ría de Arousa decidiron desmarcarse da folga e volver ás súas tarefas con normalidade.

    Redacción Barbanza