O Parlamento pide unha reforma normativa dos festexos marítimos

    GALICIA > O Parlamento de Galicia demanda unha reforma normativa para aumentar a seguridade nos festexos marítimos. A Comisión Institucional aprobou este luns por unanimidade unha proposición non de lei do PP, na que tamén se insta á Xunta a colaborar nas iniciativas de axuda ó armador do buque Saleta, condenado como responsable dun accidente durante a procesión marítima do Carme de Aguiño en 1998.

    Primar a seguridade dos buques e dos seus acompañantes e crear a utilización da figura do coordinador de seguridade. Son as principais achegas que se propoñen para reformar a normativa que regular as condicións para o emprego de embarcacións de todo tipo en festexos marítimos. A iniciativa partiu dos deputados do PP e foi apoiada onte por unanimidade na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior. Así, o Parlamento galego instará á Xunta a demandar esta reforma ante o Executivo central. A finalidade é incrementar a seguridade nas embarcacións que se empreguen nos festexos marítimos.

    A base desta petición atópase no caso do pesqueiro Saleta, con base en Aguiño. Durante a procesión do Carme desa localidade en 1998, un neno sufriu un accidente a bordo deste buque, e o ano pasado un xulgado condenou ó seu armador a pagar unha indemnización de 300 mil euros. Polo tanto, o Parlamento tamén instará á Xunta a laborar activamente co sector e outras institucións públicas para recoller fondos e axudar a sufragar os custes desta indemnización,en caso de que a sentencia fose firme.

    A iniciativa pretende ademais evitar que o temor a sancións deste tipo faga desaparecer as procesións marítimas en Galicia. De feito, o pasado ano, tras coñecerse a condena ó Saleta, os mariñeiros de Muros, Rianxo e Aguiño decidiron non sacar a Virxe do Carme ó mar.

    Redación Salnés