O GROVE > Os traballadores de Marsac contarán o venres co apoio do comercio local na manifestación convocada para as sete e media da tarde. Varios delegados do comité de empresa reuníronse onte coa directiva de Emgrobes, que se comprometeu a pechar antes os seus establecementos para poder sumarse á concentración.
Os comercios do Grove pecharán antes o venres para apoiar a concentración de Marsac, a filial de Alfageme. Membros do comité de empresa reuníronse onte pola noite coa directiva de Emgrobes para solicitar o apoio ás diferentes medidas previstas en contra da pretensión de traslado da fábrica. Os empresarios, que xa tiñan manifestado a súa colaboración, ofreceron ademais a posibilidade de pechar os seus comercios toda a tarde do venres como medida de apoio á mobilización convocada para as sete e media diante da casa consistorial.
O paro faise coincidir coa celebración do pleno extraordinario no que a corporación municipal ten previsto pronunciarse a favor das traballadoras e en contra do traslado da factoría a outra localidade. Emgrobes tamén se comprometeu a remitir unha circular a tódolos seus socios na que lles insta a pechar os locais ás sete da tarde. O colectivo puxo ademais as súas instalacións, o seu persoal e a súa infraestructura a disposición das traballadoras para facilitarlles a elaboración de carteis e pancartas.
Redacción Salnés